Mares da Costa (2018)

“Mares da Costa” (Stoupa, Cee, 15 de abril-6 de maio 2019)

“Mares da Costa” está composta por 8 cadros (acrílico sobre cartón) da serie “Mares de Outono” inspirados polos mares costeiros da Costa da Morte e 9 fotografías da serie “Terra-Auga” tomadas en Fisterra e Muxía.

A versión dixital desta exposición está exposta no hotel Bela Fisterra, á que os hóspedes poden acceder a través de un canal exclusivamente adicado.

Mares da costa é una colección de imaxes moi persoal…Aínda que eu nacín na Costa, fillo de xastre, nunca fun mariñeiro…Os mares cos que compartín experiencias case sempre foron os Mares da Terra…Mares da Costa…

De ollos inquedos, habitei os brancos salseiros de Camariñas, Muxía, Fisterra, os mantos turquesa do Pindo, do Ézaro, os grises de vendaval de outono na beira do meu pobo, e coma non…Os azuis espello do ceo nas mañás de calma en primavera…

Mares da Costa é unha serie enfocada principalmente nos mares da Terra…Terra que non se pode comprender sen o recendo a mar, sen o salitre do ar, sen as súas cores mariñeiras, cores que invaden os espazos nos seus peiraos…Pero sobre todo, sen o sabor das bágoas dos fillos da súa beira que co corazón ficamos por sempre na terra…

Entender esta serie de imaxes é o de menos…Non hai nada que entender…Esta serie está feita para sentila, para deixar que os súas cores, as súas texturas invadan os sentidos e deixen voar a imaxinación ata que se sinta a auga salgada nos beizos…ata que se ulan os peixes dos peiraos mariñeiros, ata que se escolten as ondas estoupar contra as rochas e os brancos salseiros voar polos ceos da Terra…

“Mares da Costa”

Bela…

Fermosa bágoa no lenzo…

Bela…

Como onda brava 

estoupando nas rochas 

dos mares da costa…

Debuxando escuma branca 

nunha danza de morte…De vida eterna…

Onde vas…

Bela…

Fermosa bágoa no lenzo…?

Onde vas

onda brava 

si non estoupas nestes mares da costa…?

Deixa que os teus fillos

sigan camiño mar afora…

Que nos ficamos cos teus bicos,

bicos da memoria…

Ficamos…

En cada burbulla…

Dende Muxía a Fisterra…

En cada son de muiñeira nas pedras….

Ficamos…

Como bolboretas de auga na terra…

Bela…

Fermosa bágoa no lenzo…

Bela…

Onda brava

dende Muxía a Fisterra…

Estoupa nas rochas 

destes mares da costa…

Debuxa coa túa escuma branca 

unha nova danza de morte…De vida eterna…

Xoanxo