Agora que non afoguei

Interpretado por Begoña Fernández

¿Quen me ía dicir…
Que naquel calar…
Naquel silencio 
que aos meus beizos
tanto lles custou albergar,
acochábanse estas palabras, 
hoxe dunha voz emprestada?

¿Quen me ía dicir…
Que agora…
Agora que non afoguei,
as ía poder soltar na memoria 
dos que endexamais esquecen,
darlle a liberdade 
que ti, ruín xuíz,
lles quixeches roubar…?

E mentres a vida semella igual…
Agora…
Agora que non afoguei…
E moitos, coma ti, miserábeis, 
facedes vida normal…
Eu quero berrar versos de paz…
Versos que asubíen nos ventos do inverno…
Que voen por sempre no tempo infindo…

¿E quen me ía dicir…
Que agora…
Agora que non afoguei…
Nestas novas páxinas
que na súa benvida
as puntas dos meus dedos 
acariñan a bicos,
ía eu atopar esta paz que sinto
que non lograstes aforcar…?

E mentres xa nada é igual…
¿Quen me ía dicir…
Que naquel calar,
naquel silencio 
que aos meus beizos
tanto lles custou albergar,
acochábanse estas palabras,
hoxe dunha voz emprestada?

(Xoanxo, 2019)

A ti…

Interpretado por Ana Rama

"A ti..."

A ti, que es terra,
auga,
brétema...
Luz de pura estrela...
Fraga sen linde…

Que habitas fora das súas celas…
Ceibe dos seus xuízos,
coma bágoa 
na beira de cada meixela…
Coma sorriso 
da tristura esquecida nos beizos…

Que cando choro,
choras…
Que cando loito,
loitas…

Que cando sufro,
sofres…

A ti…
Aparente fraxilidade…
Fermosa danza no ceo…
Berce…
Fogar…

A ti, que es cada muller,
Sangue do meu corpo…
A ti…
Buscareiche sempre no meu espertar…

(Xoanxo, 2019)

No ar do tempo

Interpretado por Anuska Vázquez

"No ar do tempo"

Coma tinta negra
nun anaco branco 
de saba vella…
Eu soñei...


Soñei naquel anaco branco…
Na procura da súa peza enteira…


E baixo a sombra dunha árbore senlleira…
Ceibe do ar e os seus ventos…
Escrava das trebas do tempo…
Fun viaxeira de días enteiros…


Paseniño fun espertando…
E mentres as carnes daquela rapaza,
ancorada a un camiño incerto…
Tornábanse muller…
Facíanse nai…
Os soños coa terra fóronse mesturando…


Hoxe xa non quedan anacos brancos
de sabas vellas…
Só cores en lenzos sen nome…
Só ollos abertos…
Sendeiros que fai tempo
deixaron de ser forasteiros…


Hoxe, lonxe daquela árbore senlleira…
Da súa sombra esquecida…
Ceibe do ar e os seus ventos…
Escrava das trebas do tempo…
Sigo a ser viaxeira de días enteiros…

(Xoanxo 2019)